Benvidas/os ao blogue do voso profe Sergio!
Moi boas!!
Como estades? Coido que coas últimas novas, andaredes na casiña resgardadiños... Prudencia ante todo, rapazada!!
Antes de nada, quixéravos lembrar unha serie de aspectos a ter en conta de aquí aos próximos quince días. Dado que o venres pasado puidéchedes acudir unicamente uns pouquiños, esta é a nota que mandei para a casa
Estimadas familias:
A recente nova da Xunta de Galicia, motivada pola presenza cada vez maior na nosa Comunidade Autónoma do denominado coronavirus ou CoVid-19, así como as advertencias e recomendación desde o Goberno central, fan que teñamos que suspender as actividades lectivas desde o luns 16 de marzo durante 14 días.
En consecuencia, coa fin de interromper o menor posible o desenvolvemento do curso e a aprendizaxe do
alumnado, desde o centro adoptamos e seguimos o protocolo de medidas publicado onte na Xunta (http://www.edu.xunta.gal/portal/medidas-coronavirus). Igualmente, desde a miña titoría, establecerei unha serie de tarefas para realizar nos próximos 14 días, as cales estarán subidas como moi tarde o luns 16 de marzo antes das 12:00.
Para poder obter información do que os rapaces teñen que facer, habilito tres medios:
- Visita do blogue da biblioteca, na lapela de 5º e 6º de EP (http://malpicamil.blogspot.com/) (bemilladoiro.blogspot.com)
- Visita do blogue persoal, na entrada principal (menudaclasedecine.blogspot.com)
- Correo electrónico creado para manter unha comunicación convosco cando sexa preciso: tutoriasergiosm@gmail.com
Sen máis, isto é todo de momento. Estaremos en contacto a través deses medios.
Agardo que a situación poida volver á normalidade canto antes.
Un cordial saúdo,
Atentamente, o titor de 5º
De entrada, esta nota atópase enriba dos libros e libretas que deixáchedes na clase.
Así pois, o planning é o seguinte:
Para os de 5º
-Todas as tarefas que vos mande serán para realizar nun periodo dunha semana.
-Os luns subireivos o desenvolvemento de tarefas para realizar durante toda esa semana.
- Teredes que realizalo nas vosas libretas do cole. De non telas, poderédelo facer en folios pero cunha moi boa presentación.
- Para cada asignatura, dareivos as tarefas a facer, a páxina do libro nas que se atopan, así como adxuntarei un recurso no cal se explique ou polo menos se explique o contido a traballar.
-Teredes, á marxe disto, un traballo individual por semana.
Para os de 6º
-Aprazamos o traballo grupal sobre as plantas. Teredes que traballar de xeito individual na nova unidade que levaremos a cabo, polo que os luns subirei o que facer durante esa semana.
-Seredes avaliados mediante estes traballos, que contarán xunto coas probas xa realizadas.
Sen máis, o único que me queda por dicirvos é que... CALMA! Dentro de nada estaremos de volta nas aulas se todos xuntos cumprimos co que temos que facer!!
Calquera cousa, xa sabedes: a través do correo ou mediante un comentario na entrada do blogue!
Saúdos a todas e todos!
Con agarimo,
O voso profe Sergio

E quinto???. Que hemos que hacer??
ResponderEliminar